Farruquiño abre o seu sexto punto de venda en pleno centro de Lugo

Farruquiño, marca derivada da empresa de alimentación Facenda Farruquiño abre o seu sexto punto de venda, o primeiro na cidade de Lugo, situado no número 3 da rúa Santiago. A súa localización, próxima a tres Patrimonios Mundiais como a Muralla, o Camiño de Santiago e a Catedral lucense, converterá a este novo supermercado nunha interesante opción de compra para os veciños do Casco Histórico e os barrios da Tinería e O Carme.
O primeiro local de Farruquiño no centro de Lugo estará aberto os 365 días do ano nun amplo horario, que será de luns a sábado de 09:00 a 21:00 horas e os domingos e festivos de 10:00 a 14:00 horas. A xerente sinala que “a accesibilidade de Farruquiño non só ten que ver coa súa atención ao cliente en días como os domingos e festivos, senón, sobre todo, cos seus interesantes prezos e a gran variedade dos seus produtos, que tamén recolle seccións como fogar ou droguería”.
Sobre este último aspecto, destaca que Farruquiño “trae á cidade un supermercado clásico cos produtos de sempre, con prezos moi competitivos e con toda a calidade e tradición da montaña da Fonsagrada, con carnes como o butelo, o chourizo ou a androlla”. As orixes de Facenda Farruquiño, que nace en 2016 a partir dunha gandaría familiar co obxectivo de comercializar e poñer en valor animais criados na casa, avalan a calidade, non só da súa carne e os seus derivados, senón de todos os seus produtos frescos, tal e como sinala Romay. “A carne de porco e tenreira, a froita ou os queixos que ofrecemos son dunha calidade excepcional”, asegura. En definitiva, destaca que a súa oferta “busca un marcado equilibrio entre prezo e calidade, para que os clientes poidan encher a cesta no seu día a día sen preocupacións”.
Por outra banda, Romay fai especial fincapé na “proximidade” como aspecto diferencial de Farruquiño. “Dende o momento no que decidimos crear o noso primeiro punto de venda, unha carnicería en Burela, preocupámonos por ofrecer ao cliente unha atención moi familiar e establecer un vínculo de confianza con el, algo que ten moito que ver coas nosas raíces gandeiras en Cospeito”, explica a xerente.
Farruquiño recolle un testemuño histórico
O novo equipo de Farruquiño recolle un testemuño que se vén pasando dende 1962. Foi entón cando abriu por primeira vez ao público a tenda que agora ocupará esta cadea de supermercados, despois dun ano pechada pola xubilación dos anteriores encargados.